Máis de 20 organizacións galegas apoiaron esta marcha cívica e este manifesto: BNG, EU, Anova, Equo, Espazo Ecosocialista, CxG, Fronte Cívica, PCG,
Corrente Vermella, Nós-UP, Galiza Nova, XCG, CRMH, Nuevos Republicanos, Ateneo
Republicano, A.C. O Facho, CIG, COG, Comités, C.S. Gomes Gaioso, 15-M de Monte
Alto, 15-M da Ría, A.C. Alexandre Bóveda.
"MANIFIESTO PO LA REPÚBLICA E PO LO DEREITO A DECIDIR"
Este é un fermoso día para A Coruña. Non, non estamos a
celebrar unha festa medieval, cun escenario anacrónico, de cartón pedra, no que
os cidadáns son utilizados como extras no papel de súbditos e vasalos para
maior gloria dun poder dinástico. Este é un fermoso día para A Coruña porque nesta marcha
cívica manifestámonos contra o atraso, o escurantismo e a imposición,
manifestámonos como seres ceibes. Non somos súbditos de ninguén. Somos o pobo.
Mesmo na Idade Media, a xente ceibe de Galiza, as Irmandades, foron quen de
proclamar Deus fratresque Gallaeciae: Ninguén por riba de nós! No pobo reside a
soberanía. Por iso dicimos non á Monarquía e si á República e ao dereito a
decidir.
É un fermoso día porque estamos onde temos que estar e
cando temos que estar. A democracia non é un agasallo temporal. Non é un
paraugas que che presten na seca e que cho quiten cando chove, cando fai falta.
A soberanía reside no pobo, iso din todos, mesmo os que a negan na práctica.
Porque a soberanía popular, nestes momentos, no Estado español, está a ser
obxecto de subtracción. O discurso dominante nesta xeira é dunha hipocrisía
estupefaciente. Dinnos: sodes soberanos, mais non é tempo de exercer a
soberanía. Xa seredes soberanos cando as ras boten pelo. Xa o estudaremos
dentro duns séculos. Isto lembra a estafa das preferentes: o diñeiro é voso,
pero comémolo nós.
Esta é unha marcha na que dicimos non. Non á imposición
monárquica. Non á subtracción da soberanía. Non á política de cartón pedra, que
fan as elites á marxe do pobo. Mais tamén dicimos si. Un si moi grande á
liberdade, que é o tesouro da humanidade. E dicimos si ao dereito a decidir.
Porque os dereitos están para exercelos e non para que os teñan conxelados nas
neveiras do poder.
É, pois, esta unha marcha exemplar, cívica, pacífica, na
que o que nos convoca é a unidade. É a festa verdadeira. A festa do pobo sen
cadeas.
Despois da abdicación do
rei Juan Carlos, que non pretende outra cousa que salvar unha monarquía en
descomposición e desprestixiada por numerosos casos de corrupción, queren poñer
un novo rei en quince días sen contar coa opinión do pobo, como xa fixeron en
agosto de 2011 cunha reforma do artigo 135 da Constitución.
Estamos nun momento
histórico cun modelo de constitución caduco e que agoniza. O ditador Franco,
que encabezou en 1936 un levantamento militar e fascista contra a democracia,
nomeou ao príncipe Juan Carlos como o seu sucesor en 1969. A monarquía actual
é, polo tanto, herdeira daqueles que se levantaron contra a República
constitucional, elixida nunhas eleccións democráticas. Juan Carlos, que nunca
condenou a ditadura franquista, xuraba, daquela, lealdade ao ditador e aos
“Principios del Movimiento Nacional” e falaba de “la legitimidad política
surgida el 18 de julio de 1936”.
A monarquía é
incompatíbel cun sistema democrático; é un réxime vitalicio e hereditario, que non
ten en conta a vontade popular porque o rei, como xefe do Estado, non é elixido
polo pobo nunhas eleccións democráticas.
Estamos
a prol da ruptura democrática e queremos decidir sobre o noso futuro. Partindo
da existencia dunha realidade plurinacional, estamos por procesos constituíntes
nas nacións do Estado, para que a cidadanía poida decidir sobre o modelo
político-institucional territorial escoller a forma do Estado.
A Coruña é unha cidade
cunha forte tradición republicana e así o manifestou cando puído elixir
libremente. Nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931, que acabaron coa
monarquía, as diversas candidaturas republicana acadaron 35 concelleiros e só 5
as monárquicas.
E nas eleccións a Cortes de xuño de 1931 as candidatura
republicanas conseguían 13 dos 16 deputados pola provincia da Coruña.É hora de manifestar ese
sentimento republicano e de defensa da democracia.
Grazas pola vosa
asistencia. Nesta cidade de alma republicana, a República volver a emerxer, a
rexurdir. Temos saudade do pasado cando é un depósito de esperanza. Mais a nosa
é unha saudade do porvir. Honramos a todas e todos os que no pasado fixeron
posíbel o soño da República, a quen deu vida contra o fascismo e a ditadura,
mais tamén a quen mantiveron, arrolaron, e alimentaron como vagalumes, como un
fío de luz e de leite, a memoria. Honramos á mocidade coruñesa que recolle ese
facho do orgullo. A República é o ecosistema natural onde xerminan as mellores
especies da historia: a liberdade, a criación cultural, a igualdade, esa
cuestión fundamental do noso tempo.
Estamos a vivir un tempo en que se acentúan as desigualdades e mesmo
vólvese a formas de desigualdade que considerabamos superadas, como é o caso da
muller e das minorías estigmatizadas. A monarquía é a grande metáfora da
desigualdade. Por iso hoxe A Coruña dille non. Viva a República. Galiza pola
República. O pobo unido xamáis será vencido.(Texto do manifesto
acordado, con limiar e colofón do escritor e xornalista Manuel Rivas).Pincha aquí para ver el vídeo::https://www.facebook.com/photo.php?v=723551097701394&set=vb.397424213647419&type=2&theater