viernes, 20 de junio de 2014

MANIFIESTO DE MANUEL RIVAS EN LA MANIFESTACIÓN UNITARIA DE CORUÑA BAJO EL LEMA:"GALIZA POLA REPÚBLICA E POLO DEREITO A DECIDIR"

Máis de 20 organizacións galegas apoiaron esta marcha cívica e este manifesto: BNG, EU, Anova, Equo, Espazo Ecosocialista, CxG, Fronte Cívica, PCG, Corrente Vermella, Nós-UP, Galiza Nova, XCG, CRMH, Nuevos Republicanos, Ateneo Republicano, A.C. O Facho, CIG, COG, Comités, C.S. Gomes Gaioso, 15-M de Monte Alto, 15-M da Ría, A.C. Alexandre Bóveda.
"MANIFIESTO PO LA REPÚBLICA E PO LO DEREITO A DECIDIR"
Este é un fermoso día para A Coruña. Non, non estamos a celebrar unha festa medieval, cun escenario anacrónico, de cartón pedra, no que os cidadáns son utilizados como extras no papel de súbditos e vasalos para maior gloria dun poder dinástico. Este é un fermoso día para A Coruña porque nesta marcha cívica manifestámonos contra o atraso, o escurantismo e a imposición, manifestámonos como seres ceibes. Non somos súbditos de ninguén. Somos o pobo. Mesmo na Idade Media, a xente ceibe de Galiza, as Irmandades, foron quen de proclamar Deus fratresque Gallaeciae: Ninguén por riba de nós! No pobo reside a soberanía. Por iso dicimos non á Monarquía e si á República e ao dereito a decidir.
É un fermoso día porque estamos onde temos que estar e cando temos que estar. A democracia non é un agasallo temporal. Non é un paraugas que che presten na seca e que cho quiten cando chove, cando fai falta. A soberanía reside no pobo, iso din todos, mesmo os que a negan na práctica. Porque a soberanía popular, nestes momentos, no Estado español, está a ser obxecto de subtracción. O discurso dominante nesta xeira é dunha hipocrisía estupefaciente. Dinnos: sodes soberanos, mais non é tempo de exercer a soberanía. Xa seredes soberanos cando as ras boten pelo. Xa o estudaremos dentro duns séculos. Isto lembra a estafa das preferentes: o diñeiro é voso, pero comémolo nós.
Esta é unha marcha na que dicimos non. Non á imposición monárquica. Non á subtracción da soberanía. Non á política de cartón pedra, que fan as elites á marxe do pobo. Mais tamén dicimos si. Un si moi grande á liberdade, que é o tesouro da humanidade. E dicimos si ao dereito a decidir. Porque os dereitos están para exercelos e non para que os teñan conxelados nas neveiras do poder.
É, pois, esta unha marcha exemplar, cívica, pacífica, na que o que nos convoca é a unidade. É a festa verdadeira. A festa do pobo sen cadeas.
Despois da abdicación do rei Juan Carlos, que non pretende outra cousa que salvar unha monarquía en descomposición e desprestixiada por numerosos casos de corrupción, queren poñer un novo rei en quince días sen contar coa opinión do pobo, como xa fixeron en agosto de 2011 cunha reforma do artigo 135 da Constitución.
Estamos nun momento histórico cun modelo de constitución caduco e que agoniza. O ditador Franco, que encabezou en 1936 un levantamento militar e fascista contra a democracia, nomeou ao príncipe Juan Carlos como o seu sucesor en 1969. A monarquía actual é, polo tanto, herdeira daqueles que se levantaron contra a República constitucional, elixida nunhas eleccións democráticas. Juan Carlos, que nunca condenou a ditadura franquista, xuraba, daquela, lealdade ao ditador e aos “Principios del Movimiento Nacional” e falaba de “la legitimidad política surgida el 18 de julio de 1936”.
A monarquía é incompatíbel cun sistema democrático; é un réxime vitalicio e hereditario, que non ten en conta a vontade popular porque o rei, como xefe do Estado, non é elixido polo pobo nunhas eleccións democráticas.
Estamos a prol da ruptura democrática e queremos decidir sobre o noso futuro. Partindo da existencia dunha realidade plurinacional, estamos por procesos constituíntes nas nacións do Estado, para que a cidadanía poida decidir sobre o modelo político-institucional territorial escoller a forma do Estado.
A Coruña é unha cidade cunha forte tradición republicana e así o manifestou cando puído elixir libremente. Nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931, que acabaron coa monarquía, as diversas candidaturas republicana acadaron 35 concelleiros e só 5 as monárquicas. 
E nas eleccións a Cortes de xuño de 1931 as candidatura republicanas conseguían 13 dos 16 deputados pola provincia da Coruña.É hora de manifestar ese sentimento republicano e de defensa da democracia.
Grazas pola vosa asistencia. Nesta cidade de alma republicana, a República volver a emerxer, a rexurdir. Temos saudade do pasado cando é un depósito de esperanza. Mais a nosa é unha saudade do porvir. Honramos a todas e todos os que no pasado fixeron posíbel o soño da República, a quen deu vida contra o fascismo e a ditadura, mais tamén a quen mantiveron, arrolaron, e alimentaron como vagalumes, como un fío de luz e de leite, a memoria. Honramos á mocidade coruñesa que recolle ese facho do orgullo. A República é o ecosistema natural onde xerminan as mellores especies da historia: a liberdade, a criación cultural, a igualdade, esa cuestión fundamental do noso tempo.  Estamos a vivir un tempo en que se acentúan as desigualdades e mesmo vólvese a formas de desigualdade que considerabamos superadas, como é o caso da muller e das minorías estigmatizadas. A monarquía é a grande metáfora da desigualdade. Por iso hoxe A Coruña dille non. Viva a República. Galiza pola República. O pobo unido xamáis será vencido.(Texto do manifesto acordado, con limiar e colofón do escritor e xornalista  Manuel Rivas).Pincha aquí para ver el vídeo::https://www.facebook.com/photo.php?v=723551097701394&set=vb.397424213647419&type=2&theater

No hay comentarios:

Publicar un comentario